O CONCELLO INFORMA DA APERTURA DO PERÍODO DE EXPOSICIÓN PÚBLICA E CONSULTA DO SEU INVENTARIO DE CAMIÑOS

O documento recolle máis de 2.800 camiños públicos e dotará de maior seguridade xurídica á veciñanza

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo informa hoxe da aprobación inicial do novo inventario de camiños municipais do Concello de Vilalba e do comezo dun período de dous meses de consulta e exposición pública.

Durante este prazo, o documento poderá ser examinado por calquera persoa interesada nas dependencias municipais para que formule alegacións ou reclamacións no caso de consideralas pertinentes. Así mesmo, a través da ligazón https://arcg.is/1n8OWm o contido será accesible mediante un Visor Web.

O goberno local destaca a importancia deste proxecto, dado que non existía con anterioridade un inventario completo das vías do municipio. O documento, con máis de 2.800 camiños, aportará unha maior seguridade xurídica á veciñanza, cunha aclaración precisa sobre que vías son de titularidade pública e cales privadas.

O inventario recolle a impresión de planos, fichas individuais de cada un dos bens inventariados e un listado de todos os camiños (aclarando se son de titularidade municipal, da Deputación ou doutras administracións).

“O inventario será fundamental para acometer no futuro actuacións como arranxo de vías e desbroces, eliminando as dúbidas sobre a titularidade dos camiños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.