O Concello inicia as obras de mellora de estradas municipais na parroquia de Sancovade

A alcaldesa, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, acudiron a ver a zona sobre a que se comezan a realizar os traballos de pavimentación e asfaltado
Estas actuacións mellorarán un vial deteriorado polo paso do tempo, que conecta núcleos da parroquia entre si e ca capital municipal
 
Vilalba, 4 de decembro de 2019
O Concello de Vilalba vén de comunicar o inicio das obras no vial municipal que comunica as parroquias de Sancovade, Noche e Oleiros co núcleo urbano de Vilalba e a estrada Vilalba Rábade, dentro do plan de mellora de camiños municipais da AGADER.
Esta primeira actuación realizarase sobre un vial que soporta unha densidade de tráfico intensa no municipio debido ó seu labor vertebrador dentro da parroquia, comunicando os distintos núcleos entre si e co casco urbano. Ademais, trátase dunha vía de paso empregada pola veciñanza doutras dúas parroquias, Noche e Oleiros, para o acceso ás súas vivendas.
Por outra banda, existen na contorna explotacións agrícolas e gandeiras e o paso frecuente de vehículos destinados á explotación madeireira, o que provoca un rápido deterioro do pavimento actual. Todo isto determina a urxencia da posta en marcha das obras “cun aglomerado de 5 cm de espesor, procedéndose tamén á súa sinalización horizontal e vertical”, asegurou o edil de Infraestruturas, Luis Fernández.
Este traballo de pavimentación e asfaltado, xunto con outro que se levará a cabo na parroquia de Belesar, teñen un presuposto de execución de 133.851,41 euros e un prazo dun mes segundo o establecido no proxecto. Ademais, algunhas das vías secundarias das zonas de actuación son susceptibles de mellora nun futuro para o novo goberno municipal.