O CONCELLO INVISTE MÁIS DE 300.000 EUROS NA PAVIMENTACIÓN DE 17 VIAIS NAS PARROQUIAS DE ROMÁN,  RIOAVESO, NETE, LADRA, XOIBÁN, INSUA, ALBA E A TORRE

O Concello de Vilalba saca a licitación unhas obras para a pavimentación, rexeneración e sinalización de varias vías de titularidade municipal nas parroquias de Román, Rioaveso, Nete, Ladra, Xoibán, Insua, Alba e A Torre.
En concreto, os viais están en Fontemarín e O Pedrouzo (Román); Casasnovas, Gradela e da LU-120 á LU-P-6514 (Rioaveso); Reboredo (Nete); Vieiros e Granxa (Ladra); Cadavas e A Granda (Xoibán); Rebordaos (Insua); Carralmaior, O Iglesario, Amarigo, Casasnovas e Penelas (Alba), e Marcelle (A Torre).

O investimento será de 309.000 euros nuns viais que dan acceso a núcleos e barrios, cunha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.

O continuo uso ó que se ven sometidos estes viais, así como as condicións climatolóxicas e o paso do tempo provocan que os noiros das estradas se saturen de terra vexetal, perdendo a súa forma e uso. Isto
provoca que as augas pluviais non se evacúen da plataforma da estrada, xerando danos sobre a capa de rodadura que se incrementan polo desgaste sufrido a consecuencia do paso de vehículos.



“Os traballos forman parte dun investimento conxunto de 800.000 euros
que se destinará ás parroquias de Vilalba nos próximos meses para
actuacións de mellora do pavimento dos viais, dando resposta ademais ás
demandas veciñais”, explica Luis Fernández, concelleiro de
Infraestruturas de Vilalba.