O CONCELLO LOGRA O COMPROMISO DA DEPUTACIÓN DE LUGO PARA APOIAR AO EQUIPO GENUINE DO RÁCING VILALBÉS

O presidente da Deputación, José Tomé, e o presidente do Rácing Vilalbés, Juan José Vázquez, asinaron hoxe un convenio de colaboración por importe de 3.800 euros

O Concello logra o compromiso da Deputación de Lugo para apoiar ao equipo Genuine do Rácing Vilalbés a través dun acordo de colaboración por un importe de 3.800 euros.

As tres entidades implicadas: Deputación de Lugo, Rácing Vilalbés e Concello presentaron hoxe no Estadio Roca o convenio de colaboración que permitirá incrementar o orzamento para o financiamento da sección Genuine do conxunto vilalbés.

Un acto no que participaron a alcaldesa, Marta Rouco, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o presidente do Rácing Vilalbés, Juan José Vázquez, e os concelleiros Paula Vigo e Luis Fernández.

O Rácing Club Vilalbés é o único equipo non profesional de Galicia que conta cunha categoría Genuine, “na que xogan preto dunha vintena de rapaces e rapazas que ademais, na súa maioría, son usuarios do noso Centro Ocupacional; o que fai que este proxecto vaia moito máis alá do deportivo: é unha mostra de integración real, de arraigo no pobo e de participación activa na vida social da nosa vila” salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

“Con este convenio reafirmamos o noso compromiso coa inclusión real, e co deporte como unha ferramenta poderosa de transformación social” asegurou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen engadiu que este convenio “supón un paso pioneiro na provincia”.

A rexedora, Marta Rouco, amosouse “moi agradecida polo compromiso que, unha vez máis, a Deputación amosa co noso Concello e, neste caso, co deporte da nosa vila”.

“Apoiar ao equipo Genuine é apoiar a ilusión, o esforzo e o talento dun grupo que representa o mellor do noso deporte. Son un exemplo dentro e fóra do campo, e desde o Concello queremos seguir acompañándovos para que poidan seguir crecendo e desfrutando do que fan”, concluíu Rouco.