O CONCELLO PRESENTA AOS VECIÑOS A RENOVACIÓN DO VIAL DE ACCESO AO BARRIO DE UCEIRA-GOIRIZ

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, presentáronlle esta mañá aos veciños os traballos de acondicionamento do pavimento no vial que da acceso ao barrio de Uceira-Goiriz.

Os traballos realizaranse no camiño municipal que atravesa en dirección norte as parroquias de Sancobade e Goiriz, incluído o barrio de A Uceira, dende a estrada LU-120. 

Esta vía é o percorrido natural da veciñanza destes núcleos de poboación, en dirección ás principais vías de comunicación cara o centro urbán de Vilalba.

Doutra banda, o tramo soporta unha importante densidade de tráfico lixeiro e pesado, debido ás explotación gandeiras e agrícolas da zona así como ós vehículos de transporte destinados á explotación madereira. Este fluxo de tráfico e mais o paso do tempo provocaron o deterioro do pavimento actual, existindo zonas con deformacións e puntos onde o pavimento desapareceu.

As obras contan cun orzamento de 48.369 euros e un período de execución dun mes. Os traballos enmárcanse no Plan Único da Deputación de Lugo.

Para a mellora e mantemento desta vía, proponse a limpeza de noiros, regularizar a súa superficie e executar unha nova capa de aglomerado. Ademais procederase á súa sinalización horizontal e vertical e habilitarase a cota dos pozos de reixstro existentes no seu percorrido.

“O estado desta vía provoca que o seu acondicionamento sexa urxente, para evitar que continúe deteriorándose e garantir así a seguridade viaria da veciñanza destas parroquias”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.