– Pedro Blanco e Olimpia López visitan unha actuación de máis de 1,1 millóns de euros financiada a través do PIREP local que converterá o edificio municipal nun espazo máis eficiente, accesible e moderno
O Concello de Vilalba recibiu hoxe a visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, ás obras de reforma integral da Casa do Concello, unha actuación financiada a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) de ámbito local.
A intervención conta cun orzamento de adxudicación de 1.106.185,96 euros e a reforma céntrase na mellora da eficiencia enerxética, da accesibilidade e da funcionalidade do edificio municipal.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que “esta obra supón un antes e un despois para a Casa do Concello, tanto desde o punto de vista da sustentabilidade como da atención á veciñanza”, e agradeceu “a colaboración do Goberno de España que fai posible que un concello como Vilalba poida acometer unha actuación desta envergadura, modernizando un edificio emblemático e facéndoo máis accesible e preparado para o futuro”.
Durante a visita, o delegado do Goberno en Galicia destacou que “a reforma da Casa do Concello é un bo exemplo de como as vilas galegas melloran da man do Goberno de España”.
Pedro Blanco quixo tamén agradecer “ao Concello de Vilalba e á súa alcaldesa, Marta Rouco, todo o traballo que levan feito para conseguir estas axudas que se materializan neste novo edificio, moito máis acaído para os veciños e veciñas de Vilalba e, ademais, moi merecido”.
A visita do delegado e da subdelegada do Goberno enmárcase no seguimento das actuacións financiadas con fondos estatais e pon en valor o papel do Concello de Vilalba na captación de recursos para mellorar as infraestruturas públicas ao servizo da veciñanza.
ACTUACIÓNS LEVADAS A CABO
Entre as actuacións máis destacadas atópase a instalación dun sistema de xeración eléctrica mediante placas solares fotovoltaicas, con arredor de 50 paneis e unha potencia suficiente para cubrir a totalidade da demanda enerxética da Casa do Concello segundo os consumos dos últimos anos.
Así mesmo, procedeuse á substitución de todas as luminarias por tecnoloxía LED, á mellora da iluminación natural no interior e á renovación integral da envolvente do edificio, cunha fachada trasventilada e unha nova cuberta con zinc.
Todo isto converterá a Casa do Concello nun edificio case autosuficiente enerxeticamente, reducindo de maneira moi significativa os custos de mantemento e xerando un importante aforro para as arcas municipais.
No ámbito da accesibilidade, o proxecto inclúe un sistema de ‘Wayfinding’ guiado por cores para mellorar a accesibilidade cognitiva, a adaptación dos baños para persoas con mobilidade reducida, o reforzo da barreira acústica nas oficinas e un reaxuste puntual da distribución interior para facer o edificio máis cómodo e útil para a cidadanía.
