O CONCELLO SACA A CONCESIÓN DO BAR DA ÁREA RECREATIVA GARANTINDO A LIBRE CONCORRENCIA

O novo procedemento permitirá regularizar a situación existente e abrir a explotación a persoas interesadas en igualdade de condicións

O Concello de Vilalba vén de sacar a licitación a concesión do uso privativo do bar-cafetería situado na área recreativa da Madalena, nun paso decidido para normalizar a situación deste espazo e garantir unha xestión transparente e conforme á legalidade.

Este proceso pon fin a unha situación herdada de anteriores gobernos, na que a explotación do establecemento se viña realizando sen un procedemento público en vigor, ao amparo dun acordo do ano 2011 que xa estaba amplamente vencido. Ante esta realidade, o actual executivo municipal procedeu a declarar caducada e rescindida a relación contractual existente, co obxectivo de restaurar a legalidade e o interese xeral.

A alcaldesa, Marta Rouco, subliña que “era unha obriga deste goberno actuar con responsabilidade para rematar cunha situación irregular que nunca se debeu prolongar no tempo”. Neste sentido, engade que “hoxe Vilalba dá un paso adiante, apostando pola transparencia, a igualdade de oportunidades e a boa xestión dos recursos públicos”.

Rouco destaca ademais que “calquera persoa interesada poderá optar agora a esta concesión en igualdade de condicións, nun procedemento aberto e con todas as garantías”.

O obxectivo do Concello é tamén dotar este espazo dun servizo de calidade acorde ás necesidades actuais e contribuír á dinamización da área recreativa da Madalena, un dos puntos de encontro máis importantes do municipio.

A concesión terá unha duración inicial de cinco anos, con posibilidade de prórrogas anuais ata un máximo de cinco anos máis, e establécese un canon mínimo de 967,28 euros mensuais (non suxeito a IVE).

Poderán optar á adxudicación persoas físicas ou xurídicas, así como unións temporais de empresarios, debendo presentar as súas ofertas de maneira electrónica a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para a presentación de ofertas será de 20 días naturais a contar dende o 14 de abril de 2026.

A alcaldesa anima ás persoas interesadas a participar, sinalando que “trátase dunha oportunidade para emprender nun entorno privilexiado, cun gran potencial e cun Concello que aposta por facer as cousas ben”.

Entre as condicións da concesión inclúese a obrigación de realizar melloras no interior das instalacións, como a renovación do falso teito e o pintado, actuacións que serán compensadas cun período de carencia de 16 meses no pagamento do canon.

Ademais, establécese un réxime mínimo de apertura que garante a prestación do servizo durante todo o ano, reforzando así o papel da Madalena como espazo vivo e dinámico para a veciñanza.