O GOBERNO LOCAL DE VILALBA VISITA O MERCADO DA VILA, APOIA AOS NOVOS PRODUTORES E ANIMA Á VECIÑANZA A MERCAR NOS SEUS POSTOS

O goberno local de Vilalba visitou esta mañá o mercado de vila para poñer en valor os produtos locais e animar á veciñanza a mercar nos seus postos.

En concreto, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, achegouse ata o mercado, que se celebra cada martes e venres, xunto a algúns dos concelleiros e concelleiras do goberno local.

A rexedora vilalbesa quixo agradecer aos “novos produtores e comerciantes todo o esforzo que están a facer por revitalizar este espazo con produtos como o queixo, o mel, as patacas, os doces, a froita ou o peixe”.

“Queremos animar á xente a vir ata este mercado e a consumir. Está nas nosas mans apoiar aos produtores e ás produtoras que apostan por métodos sostibles de consumo, polo noso campo, é que traballan incansablemente cada día por ofrecernos produtos de proximidade e de tanta calidade”, engadiu Elba Veleiro.