– A modificación do proxecto da Aula Agustín Fernández Paz, a mellora da eficiencia enerxética do pavillón municipal e a mellora da rede viaria centrarán o pleno ordinario deste xoves
O Concello de Vilalba celebrará este xoves o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, no que o goberno local levará a aprobación varios proxectos vinculados á mellora de instalacións públicas e accesos en distintos puntos do municipio.
O primeiro punto será a modificación do proxecto de reforma da Aula Agustín Fernández Paz, situada na Biblioteca Municipal. Trátase dunha actualización técnica derivada de necesidades xurdidas durante a execución da obra, que está xa en marcha.
Concretamente, foi preciso substituír o tipo de fiestra inicialmente previsto por un modelo cun único cristal integrado, así como adaptar o pavimento do chan, o que fai necesaria a aprobación da modificación para garantir a continuidade dos traballos.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que “esta aula é un proxecto importante para o Concello e queremos que quede coa máxima calidade. Cando durante a execución xorden necesidades técnicas que melloran o resultado final, o responsable é adaptarse e avanzar.”
Outro punto relevante será o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no pavillón municipal de deportes, unha actuación considerada prioritaria polo executivo local. A rexedora sinalou que “é unha obra imprescindible para seguir modernizando as nosas instalacións deportivas, mellorar o confort dos usuarios e reducir o consumo enerxético. Esta liña de traballo está sendo constante nos últimos anos e está permitindo aforros importantes nas contas públicas”.
Neste sentido, Marta Rouco lembrou que “o Concello leva meses executando actuacións de eficiencia e aforro enerxético, como a recente renovación das luminarias do polígono industrial por tecnoloxía LED, que xa supón un impacto positivo tanto no consumo como na iluminación da zona.”
O pleno tamén votará dous novos proxectos de mellora viaria: a rexeneración dos accesos ao barrio de Gardados, na parroquia de Santaballa e a pavimentación e mellora dos accesos aos barrios de Bichicán e Touriño, na parroquia de Lanzós.
Estas actuacións completan o bloque de investimentos previstos para este pleno e reflicten a aposta municipal por modernizar infraestruturas e seguir mellorando os servizos públicos en todo o termo municipal.