– As contas medran en preto de 900.000 euros respecto a 2025 para facer fronte ao incremento dos custes e garantir a calidade dos servizos municipais
O equipo de goberno de Vilalba levará ao pleno ordinario do vindeiro 26 de marzo o proxecto de orzamento municipal para o ano 2026, que ascende a 14.247.013,11 euros, o que supón un incremento de preto de 900.000 euros con respecto ao exercicio anterior.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que estas contas “responden a unha idea moi clara de goberno: priorizar os servizos públicos, atender ás necesidades reais da veciñanza e apoiar directamente o tecido social do municipio”.
O groso do orzamento volve recaer na prestación de servizos básicos, cunha partida de 10.173.505,28 euros en gastos correntes en bens e servizos, que experimenta un incremento do 8,47 % respecto a 2025, motivado polo aumento dos custes derivados da inflación.
“Estamos ante un orzamento realista e responsable, que asume o contexto actual e garante que o Concello poida seguir prestando servizos esenciais con normalidade e coa calidade que merece a veciñanza”, sinalou a rexedora.
Neste capítulo inclúense contratos fundamentais como o do Servizo de Axuda no Fogar, a recollida de residuos, o subministro de enerxía eléctrica, a limpeza e conserxería das instalacións municipais, a desratización ou os servizos de prevención de incendios forestais e desbroce no rural.
Rouco subliñou que “manter e reforzar estes servizos é unha prioridade absoluta, porque son os que sosteñen o día a día de Vilalba”.
No capítulo de persoal, o orzamento contempla 3.245.432,22 euros e incorpora a creación dunha praza de técnico de proxectos, co obxectivo de reforzar a capacidade técnica municipal.
“Trátase dunha medida que nos permitirá ser máis eficientes, reducir custos derivados da externalización e mellorar a xestión das obras e proxectos que estamos a desenvolver”, explicou a alcaldesa.
En materia de investimentos, recóllese unha partida de 145.251,61 euros, á que se suma a previsión de achega municipal de 174.000 euros para o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil destinado á mellora do abastecemento e saneamento.
Outro dos aspectos máis destacados do orzamento é a aposta polo tecido asociativo de Vilalba. O Concello destinará preto de 360.000 euros a subvencións nominativas dirixidas a entidades culturais, veciñais, deportivas, asociacións de nais e pais e outros colectivos do municipio.
Estas achegas supoñen máis do 70% do orzamento de libre disposición co que conta o goberno local. “Estamos a falar dunha decisión política clara: destinar a maior parte do diñeiro que o Concello pode decidir libremente ás asociacións e colectivos dos que forman parte os veciños e veciñas de Vilalba”, destacou a alcaldesa.
Outro dos elementos salientables é a situación económica do Concello, xa que o orzamento de 2026 non contempla gastos en pasivos financeiros, ao non existir débeda nin previsión de concertar novos créditos.
“Vilalba conta cunha situación económica saneada, que nos permite seguir avanzando sen comprometer o futuro e garantindo estabilidade”, sinalou.
A alcaldesa concluíu destacando que estas contas consolidan a liña de traballo do goberno local. “Este orzamento non é só unha cifra, é unha forma de entender a xestión pública: centrada nas persoas, nos servizos e no apoio á vida social e comunitaria de Vilalba”.