– A sesión ordinaria deste xoves tamén tratará a actualización das taxas de auga e saneamento, o Plan Económico-Financeiro e varios proxectos para o municipio
O Concello de Vilalba celebrará este xoves, 24 de setembro, un pleno ordinario no que se abordarán diferentes asuntos relacionados coa xestión económica municipal, a actualización de ordenanzas e diversos proxectos para o municipio.
Entre os puntos da orde do día figura o Plan Económico-Financeiro do Concello de Vilalba para os exercicios 2026 e 2027, do que se dará conta no pleno no marco do cumprimento das regras fiscais.
O Concello de Vilalba mantén unhas contas saneadas e débeda cero, e a presentación deste plan responde aos requisitos establecidos para a xestión económica municipal.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destaca que este punto se aborda desde unha situación económica municipal saneada: “Temos un Concello con débeda cero e unhas contas perfectamente saneadas. Cumprir coas regras fiscais e dar conta dos instrumentos que establece a normativa forma parte tamén dunha xestión económica responsable e rigorosa.”
A sesión tamén abordará a actualización das taxas pola prestación dos servizos de saneamento e subministración de auga, correspondente á revisión anual prevista no contrato coa empresa concesionaria. Neste exercicio, a actualización será do 3,2%, conforme á evolución do IPC establecida no propio contrato.
Outro dos asuntos que se levarán ao pleno será a modificación da Ordenanza Fiscal número 5, relativa ao imposto de vehículos de tracción mecánica, para incorporar unha bonificación do 100% para os vehículos que teñan a consideración de históricos segundo a Dirección Xeral de Tráfico.
Neste sentido, Marta Rouco sinala que “é unha medida que levaba tempo sendo solicitada por diferentes colectivos e que agora podemos converter nunha realidade.”
A alcaldesa engade que “é importante que as ordenanzas municipais tamén vaian dando resposta ás necesidades e ás demandas que nos traslada a propia veciñanza. Neste pleno abordamos diferentes modificacións, algunhas delas derivadas de actualizacións que se realizan cada ano e outras que permiten incorporar novas medidas.”
Na orde do día figuran tamén varios asuntos correspondentes ás diferentes áreas do goberno municipal, entre eles a regulación do prezo público das inscricións na Escola Municipal de Teatro, o proxecto de reforzo do firme, mellora da drenaxe e sinalización dos accesos a Escourido, A Parrocha, Fraga, O Outeiro e Covo, na parroquia de Noche, o proxecto do Centro de Transformación do Mel na parroquia de San Simón e a modificación puntual número 9 das Normas Subsidiarias de Planeamento de Vilalba no lugar de A Parrocha, na parroquia de Nete.
O pleno dará tamén conta da liquidación do exercicio 2025 do Concello de Vilalba e do Organismo Autónomo Museo da Prehistoria e Arqueoloxía, elaborada conforme á normativa de contabilidade local.
Finalmente, unha vez rematada a parte resolutiva da sesión, será a quenda das mocións, rogos e preguntas presentadas polos diferentes grupos da corporación municipal.