O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Vilalba asinan o convenio para a creación do novo parque acuático na área da Madalena

O proxecto contempla 3 piscinas (natación, recreativa e infantil), un edificio de servizos semisoterrado na ladeira, e varias zonas para descansar e tomar o sol, así como unha rampla que servirá para conectar entre si a zona fluvial coa das piscinas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, asinaron este martes o convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 682.149,60€ ao Concello para poñer en valor e ampliar as posibilidades de ocio da recreativa da Madalena coa creación dun parque acuático.

O mandatario provincial cumpre deste xeito co compromiso adquirido coa rexedora, co Concello e cos veciños e veciñas de Vilalba de achegar o 80% do financiamento necesario para acometer este proxecto. O Concello achega o 20% restante, 170.500€, polo que o investimento total ascende a 852.687€.

O acto de sinatura do convenio celebrouse na propia área da Madalena, coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e os concelleiros de Espazos cidadáns e Servizos, Rodrigo Pavón, e de Infraestruturas e Urbanismo, Luis Fernández.

O Presidente subliñou que “a Deputación fai esforzo económico para colaborar co Concello de Vilalba neste proxecto. Estamos a falar dunha cantidade que supera  a partida de medio millón de euros que este concello percibe da Deputación con cargo ó Plan Único neste ano 2021. Pero Vilalba, e esta iniciativa, ben merecen este esforzo”.

A alcaldesa de Vilalba agradeceu “o apoio que nos brinda a Deputación co obxectivo de mellorar este espazo natural que é a Área Recreativa da Madalena, e ofrecer ás familias e a toda a veciñanza que se queira achegar unhas instalacións en boas condicións, adaptadas ao entorno e pensadas para o desfrute”.

José Tomé enmarcou este acordo no compromiso da institución provincial de cooperar cos concellos: “Somos o Concello dos Concellos. Un concello grande que colabora cos concellos da provincia para que poidan ofrecer mellores servizos públicos ou acometer proxectos que non poderían levar adiante en solitario. Deste xeito, favorecemos o desenvolvemento equilibrado da nosa provincia”.

O proxecto do parque acuático na área recreativa da Madalena, asegurou o Presidente, nace “co desexo de ofrecer mellores servizos públicos aos vilalbeses e vilalbesas, e á veciñanza de toda a comarca da Terra Chá, pero ademais, esta actuación pode ter un importante efecto chamada á hora de promocionar Vilalba como destino turístico e de lecer, xa que ofrece unha proposta de ocio, de calidade, familiar, e en contacto coa natureza, que é o que máis se está a valorar na saída da pandemia”.

Tomé Roca asegurou que a institución provincial “apoiará sempre este tipo de iniciativas que recuperan e poñen en valor os recursos naturais como fonte de ocio de calidade, sostible e de experiencias, porque unha parte moi importante do futuro da nosa provincia pasa precisamente por aí: por ofrecer alternativas atractivas que dinamicen a vida social e a actividade económica do noso rural”.

O Presidente destacou que Vilalba “ten unha alcaldesa e un equipo de goberno que están comprometidos e traballan cada día pola mellora do seu concello dun xeito realista, sen pedir imposibles, pero sen medo para abordar proxectos tan fermosos e tan ambiciosos coma este. Un proxecto, que penso que vai marcar un antes e un despois para o futuro de Vilalba.”

Unha nova oferta de lecer

Coa creación do parque acuático na Madalena, veciñanza e visitantes poderán gozar desta nova oferta recreativa que ten como obxectivo darlle unha nova vida á contorna do río. Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo, non só que haxa opcións de lecer para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto, aumentando a seguridade dos máis pequenos.

Esta iniciativa simplifica a xestión e o mantemento das infraestruturas desta área recreativa, sen perder de vista o enclave natural no que se atopa. Contará con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, complementarase con surtidores de auga que potencien e estimulen os xogos nesa área.

Tamén contará cun edificio de servizos que estará semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante no enclave natural. Nesta infraestrutura integraranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Haberá tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas.

A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. O proxecto tamén inclúe a construción dunha rampla que comunique a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.

Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.