Os cambios provisionais da tráfico na rúa de Pravia son obrigados para manter a seguridade da veciñanza

Lamenta a “grave irresponsabilidade” do anterior grupo de goberno por ocultar un informe do ano 2017 da empresa concesionaria da auga no que advertía do mal estado das tubaxes

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas de que os cambios provisionais de tráfico na rúa da Pravia son obrigados para garantir a seguridade tras o accidente nun dos inmobles desta rúa.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, deron esta tarde unha rolda de prensa para explicar polo miúdo o que acontece nesta zona, dando resposta as dúbidas da veciñanza.

Tras o derrubamento dunha vivenda hai uns días, o concello abrirá de forma provisional o tráfico nun só carril e nunha soa dirección (Lugo-Mondoñedo), baixo criterios técnicos que aconsellan que sexa así.

“Prodúxose unha situación de emerxencia tras o incendio e o derrubamento do pasado día 7 e tomamos medidas de urxencia para garantir a seguridade das persoas e tamén dos inmobles”, manifestou a alcaldesa, que insistiu en que “o único importante agora mesmo é garantir a seguridade”.

“No día de hoxe tivemos coñecemento dun informe que Espina e Delfin xa entregou ao anterior grupo de goberno no ano 2017, advertindo do mal estado das tuberías de abastecemento de auga na rúa da Pravia”, apuntou Fernández, que lamenta “a irresponsabilidade do anterior goberno de non informarnos desta situación”.

En concreto, as tubaxes de fibrocemento que configuran a rede de abastecemento da rúa foron instaladas hai más de 40 anos e teñen unha vida útil de 30-35 anos, segundo o Centro Nacional de Novas Tecnoloxías, dependente do Goberno.

En anos anteriores producíronse rebentóns, concretamente no 2013, 2015 e outro no 2017, unha sucesión de acontecementos que se recollen no informe, solicitado polo goberno actual, á empresa concesionaria. Neste documento do que tivemos hoxe coñecemento, aconséllase o cambio das tuberías no ano 2017. 

“Unha situación ocultada, un feito moi grave, e agora limitamos o tráfico a unha soa dirección para evitar que as vibracións provoquen máis danos”, engade o concelleiro de Infraestruturas. Neste senso, “un dos factores que pode repercutir negativamente na rotura das tubaxes de fibrocemento é un exceso de tráfico, especialmente os vehículos pesados”. 

O grupo de goberno decidiu nas últimas horas destinar unha partida de 330.000 euros do remanente municipal para a actuación que será necesaria, ademais de solicitar a colaboración doutras administracións xa que será un proxecto importante.

O concello quere “transmitir tranquilidade e confianza aos veciños e veciñas” afirmando que se tomarán as medidas oportunas coa única intención de previr riscos.