OS VECIÑOS AFORRARON 316.500 EUROS COA MODIFICACIÓN DAS ORDENANZAS FISCAIS MUNICIPAIS PARA REDUCIR OU SUPRIMIR O COBRO DE TAXAS POR OBRAS

As exencións provocaron un aforro en 651 obras menores de 195.300 euros, mentres que en 101 obras maiores o aforro foi de 121.200 euros

O Concello de Vilalba modificou na primavera de 2020 sete ordenanzas fiscais para reducir ou suprimir o cobro de taxas e tributos en beneficio de parti­culares e empresarios, unha medida aprobada para paliar as consecuencias da Covid-19.

Polo que respecto ás ordenanzas reguladoras das obras menores e maiores, estas rebaixas supuxeron un aforro total de 316.500 euros para os vilalbeses, que puideron destinar estes cartos a outras necesidades.

En concreto, as exencións provocaron un aforro en 651 obras menores de 195.300 euros (cada veciño aforrou 300 euros), mentres que en 101 obras maiores o aforro foi de 121.200 (cada veciño aforrou 1.200 euros).

Hai que lembrar que o concello modificou esta ordenanza sobre construcións, instalacións, obras e licenzas de primeira ocupación, de xeito que nas obras menores non se cobra o 2% sobre o orzamen­to, e nas obras maiores pasou do 2% ao 1%. Adamais, suprimíronse as taxas de solicitude.

“A Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) de Lugo eloxiou desde o principio estas medidas, que supuxeron un aforro considerable para os veciños en tempos de pandemia, reactivando a economía local”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Todas estas bonificacións manteranse ata este venres, 31 de decembro, polo que os veciños poden beneficiarse aínda das mesmas esta semana.