QUE FACER ESTA FIN DE SEMANA EN VILALBA?

Contacontos, teatro, concertos, xornadas sobre as migracións e a XIII Tasca do Liño son os plans no Concello de Vilalba para esta ponte

O Concello de Vilalba prepara para esta fin de semana un amplo programa de actividades que inclúen dende contacontos de Samaín, ata obras de teatro, concertos, a XIII Tasca do Liño e as “XI Xornadas sobre Migracións Indianas” na Liga Santaballesa. O goberno local anima á cidadanía a sumarse a estas iniciativas, con opcións para todos os gustos e idades.Na tarde do sábado, a cidadanía de Vilalba converterase no xurado do II Concurso de Samaín “Pinta e crea a túa cabaza de Samaín”. Dende as 12:00 e ata as 17:00, as cabazas participantes neste concurso estarán expostas na Praza da Constitución. A cidadanía pode votar pola súa favorita, depositando o seu voto nunha urna ubicada na propia praza.

Tras a entrega de premios deste concurso, o Concello de Vilalba presentará o espectáculo de contacontos de Rilo&Penadique, “Historias con susto para durmir a gusto” ás 18:00. A actividade diríxese ao público familiar, convidándose a todas as familias a asistir para gozar un Samaín diferente. Ademais, durante a tarde, haberá unha castañeira dando a probar castañas ata agotar existencias.

Tamén o sábado, ás 20:00, o Concello de Vilalba organiza a representación da obra de teatro “Enciclopedia Álvarez” no Auditorio Carmen Estévez. Esta peza, do Colectivo Cultural Ollomao, é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista.

As entradas son gratuítas, pero debe realizarse a reserva previa na Casa da Cultura ou online.

Doutra banda, o sábado tamén se celebra a XIII Tasca do Liño, organizada pola asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu e da Insua e que conta coa colaboración do Concello de Vilalba. A xornada contará cunha mesa redonda sobre “Emprendemento e mocidade no rural”, moderada pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro. Tamén se realizará unha demostración da Tasca do Liño e contarase coas actuacións musicais de “Xaora Trad” e “Luís o Caruncho”. Por último, este evento tamén contará cunha actuación de monicreques, sinatura de libros por parte de Pastora Veres e Miriam Fernández, exposición de traxes e postos de artesanía.

O domingo, 31 de outubro, ás 12:00, as Escolas Mancomunadas de Música de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, en colaboración co CSM de Galicia, ofrecerán o Concerto de Clausura do II Encontro de Dirección.

A cita, organizada polo Concello de Vilalba, será no Auditorio Carmen Estévez, as entradas serán gratuítas, pero deberán retirarse na Casa da Cultura ou online.

Por último, o domingo 31 de outubro tamén comezarán as “XI Xornadas sobre Migracións Indianas” – Feira do Indiano 2021 e que se estenderán ata o luns 1 de novembro na Liga Santaballesa. Esta cita conta tamén coa colaboración do Concello de Vilalba. O domingo, dará comezo a actividade ás 12:15, coa mesa redonda “A migración de ida e volta”, moderada por Daniel Manuel Vázquez Vila.

A continuación, incluiranse actuacións musicais como os cantares de cego a cargo de Francisco do Romualdo, música caribeña con Duo D’ases, entre outras. A xornada inclúe tamén unha queimada, visitas guiadas teatralizadas baixo reserva no 652790202, talleres, postos de venda e exposicións. O luns 1 de novembro, ás 16:00, realizarase unha mesa redonda en conmemoración do X aniversario do legado migratorio.