VILALBA ACOLLE A PRESENTACIÓN DO XXII CAMPIONATO GALEGO DE CETRARÍA, QUE SE CELEBRARÁ ESTA FIN DE SEMANA ENTRE VILALBA E COSPEITO

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou a importancia de acoller eventos que poñen en valor o territorio, combinando natureza, deporte e conservación.

O pavillón municipal de Vilalba acolleu esta mañá a presentación oficial do XXII Campionato Galego de Cetraría, un evento deportivo e ambiental de referencia en Galicia que se desenvolverá esta fin de semana entre os concellos de Vilalba e Cospeito.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; o presidente da Federación Galega de Caza, Luis Eusebio Fidalgo; o delegado de Cetraría da Federación Galega de Caza, Ignacio Orge; o vicepresidente do Tecor Terra-Chá, Juan Antonio Pena; e o vicepresidente da Sociedade Galega de Cetraría, Marcos Troncoso.

Durante a súa intervención, a alcaldesa Marta Rouco agradeceu a presenza de todas as autoridades e asistentes, así como a confianza depositada en Vilalba para acoller unha cita desta importancia. Destacou tamén o labor da Federación Galega de Caza e da Sociedade Galega de Cetraría, organizadoras do campionato, e o papel fundamental do Tecor Terra-Chá, “sen cuxo traballo e colaboración sería imposible desenvolver con éxito un evento destas características”.

A programación arrancou esta mañá no pavillón municipal de Vilalba cunha mostra e demostración de voos de aves de cetraría dirixida ao alumnado dos centros educativos do municipio, a cargo da Sociedade Galega de Cetraría. 

Ademais, mañá venres ás 20:30 horas, o Centro Cultural de Vilalba acollerá a recepción oficial aos participantes e un aperitivo ofrecido polo Concello.

Xa durante a fin de semana, a actividade trasladarase ao campo de voo do Arneiro, en Cospeito, onde se celebrará o sábado a competición e o domingo a final do campionato. 

Tamén o sábado, ás 21:00 horas, a Casa da Cultura de Vilalba acollerá a conferencia “Corenta anos de azor no Morrazo”, a cargo do biólogo José Manuel Fernández, da Universidade de Alcalá.

A alcaldesa subliñou que este tipo de eventos “poñen en valor o noso territorio, unen natureza, deporte e conservación, e reforzan a imaxe de Vilalba como un concello capaz de acoller actividades de primeiro nivel en colaboración con outras entidades e municipios da comarca”.