VILALBA ACOLLE UN PARTIDO PREPARATORIO DA SELECCIÓN ESPAÑOLA FEMININA DE FÚTBOL SALA PARA O MUNDIAL DE FILIPINAS 2025

O encontro, que se disputará o 7 de outubro no pavillón municipal, enfrontará á selección española coa selección portuguesa 

– O Concello presta a súa colaboración económica e loxística á Federación Galega de Fútbol para facer posible este evento

O salón de actos da Casa da Cultura acolleu esta mañá a presentación oficial do partido amigable que enfrontará á selección española de fútbol sala feminino contra Portugal o vindeiro martes, 7 de outubro, no pavillón municipal.

No acto participaron a alcaldesa, Marta Rouco; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; a seleccionadora absoluta de fútbol sala feminino, Clàudia Pons; o responsable do Comité Nacional de fútbol sala, Paco Sedano; e o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Cadramón.

“É unha honra para Vilalba converterse en sede dun encontro deste nivel, e tamén unha oportunidade para achegar aos veciños e veciñas, especialmente á mocidade, un deporte en auxe como é o fútbol sala feminino”, destacou a rexedora, Marta Rouco.

O partido disputarase o vindeiro martes, 7 de outubro, ás 19:30 horas no pavillón municipal e enfrontará á selección española coa selección portuguesa, dous referentes internacionais nesta disciplina. 

A cita será aberta ao público e retransmitirase a través da canle Teledeporte, convertendo a Vilalba nun punto de encontro para afeccionados e afeccionadas ao deporte de toda a contorna.

Para este evento o Concello presta á Federación Galega de Fútbol tanto un apoio económico como a cesión das instalacións municipais, que acollerán os adestramentos e o propio partido durante a estadía das seleccións española e portuguesa.

“En Vilalba temos un equipo feminino de fútbol sala que compite na segunda división nacional e que na pasada tempada estivo a piques de ascender á primeira. Para nós é moi especial que as nenas e mozas da vila poidan inspirarse nas mellores xogadoras do mundo xusto aquí, na súa casa”, salientou Marta Rouco. 

Dende o goberno local destacan tamén o impacto positivo que terá este encontro a nivel social, deportivo e económico para o municipio; ao tempo que agradecen á Real Federación Galega de Fútbol e á Real Federación Española a súa aposta por Vilalba.