– A feira, a Ruta BTT e unha ampla programación gastronómica e cultural marcan o inicio dunha edición especial que celebra tres décadas dunha das grandes citas do calendario galego
O Concello de Vilalba deu inicio este sábado á XXX edición da Festa do Queixo San Simón da Costa cunha primeira xornada marcada pola alta participación e a gran afluencia de público na carpa instalada na Praza da Constitución, que rexistrou centos de visitantes ao longo de todo o día.
A programación arrancou ás 9:00 horas coa saída da X Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa, unha proba xa consolidada que reuniu a máis de 200 participantes. Ás 11:00 horas abriuse oficialmente a feira, que durante toda a mañá e a tarde contou cun fluxo constante de persoas interesadas en degustar e adquirir este produto emblemático.
Entre as actividades destacadas da mañá, tivo lugar un showcooking ás 12:00 horas a cargo de Marcos Pereiro, seguido da sesión vermú amenizada por Mekanika Rolling Band, que contribuíu a crear un ambiente festivo nas rúas de Vilalba.

Xa pola tarde, a programación continuou cun taller de cociña infantil con queixo San Simón, unha cata de queixo e sake da man da Ruta Europea do Queixo —entidade á que está adherido o Concello—, e o acto central do pregón, celebrado ás 19:00 horas e protagonizado polo actor e humorista Marcos Pereiro. Durante este acto tamén se fixo entrega dos premios da X Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a relevancia desta edición, que celebra “tres décadas dunha festa que naceu no ano 1995 para dar a coñecer un dos nosos produtos máis recoñecidos e que hoxe é xa unha cita de referencia a nivel nacional”. A rexedora puxo en valor o papel do queixo como motor de desenvolvemento do territorio, sinalando que “o San Simón da Costa é tradición, pero tamén presente e sobre todo futuro, un sector cun elevado valor económico que xera emprego e riqueza na nosa comarca”.
Rouco subliñou tamén o crecemento da festa ao longo dos anos, “cada edición bate récords de visitantes e vendas, consolidándose como unha das grandes citas do lecer en Galicia durante a Semana Santa”. Ademais, destacou como novidade desta edición a ampliación da programación ao domingo pola tarde, “dando resposta á demanda dos milleiros de persoas que nos visitan cada ano”.
A alcaldesa quixo tamén agradecer o traballo do sector produtor e das entidades implicadas: “É fundamental recoñecer o labor da Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida e dos gandeiros e gandeiras, que fan posible manter a calidade dun produto que traspasa xeracións”.
Así mesmo, puxo en valor o papel da veciñanza na boa acollida do evento, destacando que “Vilalba é un pobo acolledor, e esta festa é tamén unha oportunidade para compartir, celebrar e amosar o mellor de nós”.
A programación desta primeira xornada completarase pola noite cos concertos de 9Louro e Mondra, que pecharán o sábado cunha proposta musical dirixida a todos os públicos.
A festa continuará mañá domingo, cunha segunda xornada que arrancará ás 10:00 horas coa apertura da feira. O programa inclúe showcooking con Miguel Mosteiro e Aceites Abril ás 12:00, sesión vermú con Festicultores ás 13:00, cata de queixo e cava ás 16:00, baile no Centro Cultural co Dúo Épok ás 17:00 e unha cata guiada de queixos DOP San Simón e viños DO Ribeiro ás 17:30. A feira pecharase ás 19:00 horas, poñendo fin a unha edición especial que reafirma a importancia desta cita para Vilalba e para toda a comarca.
