VILALBA CELEBRA O RECOÑECEMENTO A CRISTINA CASTAÑO NA SEMANA DE CINE DE LUGO

– O tenente de alcaldesa, Eduardo Vidal, participou na homenaxe á actriz nacida en Vilalba, organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

O Concello de Vilalba estivo presente este venres na homenaxe a Cristina Castaño, actriz nacida en Vilalba, no marco da XLVIII Semana de Cine de Lugo.

O segundo tenente de alcaldesa, Eduardo Vidal, participou no acto institucional celebrado no salón de plenos do Concello de Lugo e acompañou posteriormente á actriz no descubrimento da placa dedicada á súa traxectoria no Paseo do Cine de Lugo.

A homenaxe, organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá dentro da súa Semana de Cine, serviu para recoñecer a carreira de Cristina Castaño e a súa contribución ao cine, á televisión e ao teatro. A nova placa incorpórase ao Paseo do Cine de Lugo, que reúne xa diferentes recoñecementos vinculados á cultura cinematográfica. 

Para o Concello de Vilalba, a presenza do tenente de alcaldesa neste acto tivo un significado especial ao representar á vila de nacemento da actriz. Eduardo Vidal puxo en valor o vínculo que Cristina Castaño mantén con Vilalba e o orgullo que supón para o municipio que unha persoa nacida na vila teña desenvolvido unha traxectoria profesional de referencia no ámbito audiovisual.

Durante a súa intervención, o tenente de alcaldesa sinalou que “Cristina leva Vilalba consigo, pero Vilalba tamén a leva a ela”, destacando que, a pesar de que a súa vida e a súa carreira a levaron por diferentes lugares, a actriz continúa recoñecendo as súas orixes e falando con orgullo da súa relación coa vila.

“Hai persoas que nacen nun lugar e hai persoas que, ademais, levan ese lugar consigo. Cristina é unha desas persoas”, afirmou Eduardo Vidal, quen engadiu que “para unha vila, que unha persoa nacida nela consiga construír unha traxectoria como a de Cristina e siga recoñecendo as súas orixes ten un valor enorme”.

O tenente de alcaldesa quixo trasladar tamén, en nome de Vilalba, a súa felicitación á actriz polo recoñecemento e agradecerlle “seguir falando de Vilalba con ese orgullo”.

“Sentímonos moi orgullosos de verte aquí, de ver recoñecida a túa traxectoria e de saber que, cada vez que o teu nome aparece nun escenario ou nunha pantalla, tamén hai un pequeno anaco de Vilalba que viaxa contigo”, sinalou.

RECOÑECEMENTO Á SEMANA DE CINE DE LUGO

Eduardo Vidal aproveitou igualmente a súa participación para poñer en valor o traballo desenvolvido polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, presidido por Xulio Xiz, tamén natural de Vilalba, e a continuidade dunha iniciativa que chega este ano á súa 48ª edición.

O tenente de alcaldesa agradeceu a Fonmiñá que manteña durante case cinco décadas esta cita cultural e que a Semana de Cine de Lugo siga sendo un espazo para “recoñecer o talento, crear memoria e achegar a cultura cinematográfica á sociedade”.

Para o Concello de Vilalba, a incorporación de Cristina Castaño ao Paseo do Cine de Lugo supón un novo recoñecemento á traxectoria dunha actriz que naceu na vila e que levou o seu nome ao longo da súa carreira.

“Hoxe Lugo pon o teu nome no Paseo do Cine e, desde Vilalba, sentimos esta placa tamén como un motivo de orgullo”, destacou Eduardo Vidal durante o acto. “A partir de agora, cando alguén pase por este lugar e vexa o teu nome, tamén estará vendo, dalgún xeito, o nome da capital da Terra Chá”.

“Cristina, parabéns por este recoñecemento. Vilalba está moi orgullosa de ti”, concluíu o tenente de alcaldesa.