VILALBA CELEBRA O SAMAÍN ESTA SEMANA CUN OBRADOIRO DE LECTURA E UN CONCURSO DE DESEÑO DE CABAZAS

A veciñanza poderá achegarse á Praza de Constitución este sábado de 12:00 a 17:00h para votar pola súa cabaza favorita

O Concello de Vilalba organiza esta semana dúas actividades con motivo da celebración do Samaín. Dunha banda, un obradoiro este xoves para fomentar a lectura entre os cativos e cativas. Doutra banda, celebrarase o sábado un concurso de deseño de cabazas de Samaín, no que se poderá votar para elexir a mellor.

O xoves 28 de outubro, de 17:00 a 19:00, a Biblioteca Municipal acolle un contacontos de Paiasa Tati, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos. Paiasa Tati dará vida á Bruxa Catuxa, quen explicará aos máis pequenos a orixe celta do Samaín. Rematado o prazo de inscricion, cun rotundo éxito, todas as prazas estan cubertas para poder asistir.

Ademais, o Concello de Vilaba celebra, tras o éxito da primeira edición, o II Concurso de Samaín “Pinta e crea a túa cabaza de Samaín”, destinado a representar a través desta modalidade artística a festividade do Samaín.

O concurso diríxese a todos os públicos, agrupando aos participantes en tres categorías: infantil, ata 12 anos; adulto, dende os 13 anos; e artística, que inclúe a todas as idades. Os participantes poden presentar 2 cabazas e competir á vez na categoría artística e na que lles corresponda por idade.

As cabazas entregaranse o sábado 30 de outubro de 2021, na Praza da Constitución entre as 11:00 e as 12:00h. Así, permanecerán en exposición durante o sábado 30 de outubro na mesma praza entre as 12:00 e as 17:00h.

O prazo de inscrición ao concurso xa está pechado, pero a veciñanza pode participar nesta actividade como xurado. Deste modo, o sábado 30 de outubro instalarase unha urna selada na propia exposición e o público asistente poderá votar durante todo o día polas cabazas que máis lles gusten. Cada persoa poderá emitir un único voto por cada categoría. Ás 17:00h, contabilizaranse os votos na Praza da Constitución, e farase entrega dos premios.

O Concello de Vilalba anima a todas as persoas a acudir este sábado con disfraces típicos do Samaín. Ademais, tras a entrega de premios, o Concello presentará o espectáculo de contacontos de Rilo&Penadique “Historias con susto para durmir a gusto” ás 18h para publico familiar e ao que se convida a participar a todas as familias pasando un Samain diferente. Ademais, haberá durante a tarde unha castañeira que dará unha proba das castañas ata agotar existencias.

As tres primeiras persoas premiadas en cada categoría recibirán un vale de 75, 50 e 25 euros, respectivamente, para gastar no comercio local, así como un diploma.

“Agardamos que vilalbesas e vilalbeses se sumen tanto á votación do concurso de cabazas, como a disfrazarse e pasar un rato en familia co contacontos e desfrutando dunha ambientación e decoración propia de Samaín que chamará moito a atención, celebrando un ano máis esta tradicional festa e seguindo en todo momento os protocolos sanitarios”, recorda Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados.