VILALBA CONTARÁ CUN NOVO INVESTIMENTO DE MÁIS DE 338.000 EUROS PARA CONTINUAR MELLORANDO A ESTRADA PROVINCIAL LU-P-6513

A nova actuación impulsada pola Deputación de Lugo permitirá rehabilitar preto de dous quilómetros dunha vía clave para a conexión do casco urbano coa A-8, con varias parroquias do municipio e co concello de Xermade

O Concello de Vilalba valora positivamente a aprobación da licitación das obras de rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-6513 “Vilalba-Momán”, unha actuación que permitirá continuar mellorando unha das principais vías de comunicación do municipio.

A intervención contará cun investimento de 338.396,28 euros e actuará sobre un tramo de practicamente dous quilómetros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 2+125 e 4+000, cun prazo previsto de execución de catro meses.

Os traballos previstos inclúen a reapertura de cunetas, a pavimentación mediante aglomerado en quente e a renovación da sinalización, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria.

Esta actuación dá continuidade ás melloras xa executadas durante o último ano nesta mesma estrada, cando se levou a cabo a rexeneración integral do firme no tramo comprendido entre o casco urbano de Vilalba e a rotonda de acceso á autovía A-8.

A LU-P-6513 constitúe unha infraestrutura especialmente relevante para Vilalba, xa que non só conecta o núcleo urbano coa autovía, senón que tamén dá servizo ás parroquias de Mourence, Gondaísque, Distriz, Tardade e Codesido, ademais de facilitar a conexión co concello veciño de Xermade.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “este novo investimento permite continuar unha liña de mellora progresiva nunha estrada especialmente utilizada pola veciñanza e que ten unha importancia estratéxica para a mobilidade do municipio”.

Rouco explicou que “falamos dunha vía que conecta diariamente persoas co casco urbano, cos servizos, co acceso á autovía e tamén cunha parte importante do noso rural, polo que actuar sobre ela significa mellorar desprazamentos e gañar en seguridade”.

A rexedora puxo tamén en valor a continuidade dos investimentos nesta infraestrutura.

“Nos últimos meses demos pasos importantes nesta estrada e esta nova actuación permítenos seguir avanzando para que as melloras cheguen de forma progresiva aos diferentes tramos que o precisan”, concluíu.

Desde o Concello destacan que este tipo de actuacións contribúen a mellorar a conectividade do municipio e reforzan a calidade das infraestruturas que emprega a veciñanza no seu día a día.