– A Praza da Constitución acollerá desde as 19:00 un espectáculo musical con temática de Nadal e o tradicional acendido da iluminación, nunha fin de semana que contará tamén coa celebración do II Mercado de Nadal na Praza de Santa María.
O Concello de Vilalba dará a benvida ao Nadal este sábado, 28 de novembro, cunha programación especial na Praza da Constitución que terá como protagonistas a música, o acendido das luces e as actividades para os máis pequenos e pequenas.
A celebración comezará ás 19:00 horas cun concerto de Broken Peach, banda galega nada en Vigo que conta con máis de 15 anos de traxectoria e unha destacada proxección nacional e internacional. O grupo presentará o seu espectáculo Christmas Special, unha proposta que combina algúns dos seus temas máis coñecidos con grandes clásicos do Nadal reinterpretados co seu estilo propio, nunha actuación pensada para todos os públicos.
Ao remate do concerto terá lugar un dos momentos máis agardados da xornada: o acendido das luces de Nadal, que este ano correrá a cargo de Diego Villares, vilalbés e capitán do RC Deportivo da Coruña.
Ademais, entre as 18:30 e as 20:30 horas, haberá pintacaras con temática do Nadal, que contará con pinturas fluorescentes e glitter para os nenos e nenas.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a ilusión coa que o Concello prepara esta cita, pensada para reunir familias e veciñanza arredor dunha celebración compartida, “queremos que o acendido do Nadal sexa unha xornada especial para Vilalba, un momento para encontrarnos, compartir a ilusión destas datas e desfrutar xuntos dunha programación pensada para todas as idades. Este ano contamos, ademais, cunha banda galega cun espectáculo moi especial e cun vilalbés como Diego Villares, que será o encargado de dar a benvida ao Nadal na súa vila”.
Rouco animou tamén á veciñanza e ás persoas que visiten Vilalba durante a fin de semana a participar nas diferentes propostas organizadas polo Concello, “queremos que estas datas sexan tamén unha oportunidade para dinamizar as rúas, apoiar o comercio local e facer de Vilalba un punto de encontro. Por iso, xunto ao acendido das luces, teremos tamén o noso Mercado de Nadal, unha proposta que queremos consolidar dentro da programación destas festas”.
A Praza de Santa María acollerá durante o sábado 28 e o domingo 29 de novembro a segunda edición do Mercado de Nadal do Concello de Vilalba, que contará con máis dunha quincena de postos e unha ampla variedade de produtos.
O mercado estará aberto en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, ambos os dous días.
Deste xeito, Vilalba inicia a súa programación de Nadal cunha fin de semana que combinará música en directo, actividades infantís, iluminación festiva e dinamización comercial, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar do ambiente do Nadal nas rúas da vila.