– O acto dará cumprimento público ao nomeamento aprobado polo pleno e enmarcarase na iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar todas as facetas do autor e impulsar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, reuniuse hoxe coa presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Marisa Barreiro, para ultimar os detalles dos actos que se celebrarán esta fin de semana arredor da figura de Agustín Fernández Paz. O momento central da xornada do venres será o descubrimento da placa que oficializará publicamente o nomeamento da Biblioteca Municipal de Vilalba como Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz.
O nomeamento foi aprobado polo pleno da corporación municipal en xullo de 2025, a proposta do IESCHA. Agora, máis dun ano despois, o Concello e a entidade aproveitarán o acto deste venres para facer efectivo este recoñecemento público e reforzar a vinculación do escritor coa súa vila natal.
A placa descubrirase o venres 23 de outubro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Municipal, no marco do acto inaugural da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, promovida polo IESCHA.
Unha iniciativa que nace co obxectivo de divulgar e poñer en valor a figura de Agustín Fernández Paz en todas as súas facetas, desde a literatura e o cinema ata o cómic, a lingua e a renovación pedagóxica. Ao longo do curso desenvolveranse diferentes actividades para afondar na súa traxectoria e no seu legado, co propósito de contribuír a que a Real Academia Galega o nomee autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2028.
O programa do venres incluirá tamén a apertura da exposición “O Herbario de Agustín”, elaborada polo alumnado do IES Basanta Silva e visitable ata o 10 de novembro; a presentación da iniciativa por parte de Marisa Barreiro; a lectura dun manifesto a favor da figura do escritor, a cargo de Paco Martín e Xavier Senín; e a conferencia de Isabel Soto, titulada “Agustín Fernández Paz: o compromiso cun país e coa terra de nacenza”. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade.
A programación continuará o sábado 24 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal, coa entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade ao escritor Fran Fernández Davila, pola súa obra “Quero ser coma Vero Boquete”. O premio está organizado polo IESCHA, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.
O acto contará coa participación de representantes das entidades organizadoras, do escritor premiado e de persoas vinculadas ao xurado, así como con actuacións musicais, teatrais e poéticas nas que intervirán colectivos e alumnado de Vilalba. Durante a gala darase a coñecer tamén o ditame do X Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade.
A entrada será gratuíta, pero será necesario reservar previamente na web do Concello, na Casa da Cultura ou na billeteira do Auditorio o mesmo día, sempre que queden localidades dispoñibles.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou a importancia de dar visibilidade ao nomeamento da biblioteca e de seguir recoñecendo a traxectoria do escritor, “Agustín Fernández Paz é unha figura esencial para Vilalba. Que a nosa biblioteca leve o seu nome é un recoñecemento merecido, e queremos que este acto sirva tamén para achegar a súa figura a quen aínda non coñece toda a dimensión do seu traballo”.
Rouco puxo tamén en valor a iniciativa impulsada polo IESCHA e o obxectivo de conseguir que o autor sexa homenaxeado nas Letras Galegas de 2028, “parécenos importante apoiar iniciativas que divulguen todas as facetas de Agustín e contribúan a que se recoñeza a súa traxectoria. Desde Vilalba queremos sumarnos a ese traballo colectivo para que a Real Academia Galega valore a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028”.
A rexedora convidou finalmente á veciñanza a participar nos actos desta fin de semana, “animo a todas as persoas a acompañarnos o venres no descubrimento da placa e o sábado na entrega do premio que leva o seu nome. Son dúas ocasións para recoñecer a figura de Agustín Fernández Paz e a súa estreita relación con Vilalba”.
