VILALBA INAUGURA OFICIALMENTE AS FESTAS DE SAN RAMÓN E SANTA MARÍA CUNHA GALA MARCADA POLA LITERATURA E A MÚSICA

Jacobo Paz Limia recibe o galardón do LII Certame Literario pola súa obra Fíos, mentres que Daniel Veiga, director da Banda de Música de Vilalba, foi o encargado de pronunciar o pregón

Vilalba deu comezo oficialmente este domingo ás festas de San Ramón e Santa María cunha gala celebrada no Auditorio Municipal na que a literatura e a música ocuparon un lugar protagonista.

O acto serviu para facer entrega do LII Certame Literario de Vilalba e para escoitar o pregón desta edición, pronunciado por Daniel Veiga, director da Banda de Música de Vilalba. Deste xeito, a gala converteuse nunha primeira gran cita das festas patronais, poñendo en valor dúas das expresións culturais máis arraigadas na vila.

Jacobo Paz Limia, gañador do LII Certame Literario

Un dos momentos centrais da gala foi a entrega do premio do LII Certame Literario de Vilalba a Jacobo Paz Limia, pola súa obra Fíos, presentada ao concurso baixo o lema Fäden.

O traballo foi seleccionado por unanimidade polo xurado entre as 38 obras presentadas nesta edición. Desde o Concello queren agradecer ao xurado o seu labor e dedicación na valoración das propostas recibidas e a súa contribución á continuidade dun certame que forma parte da cultura vilalbesa.

Fíos constrúe, en verso e desde unha voz feminina, unha historia familiar vinculada á emigración galega. A obra permite achegarse ás experiencias dunha xeración marcada pola marcha cara ao exterior e ás diferenzas entre a Galicia rural daquel momento e a realidade industrial que as persoas emigrantes atopaban en Alemaña.

O xurado puxo especialmente en valor a capacidade da obra para abordar unha historia próxima e recoñecible, coa que diferentes persoas poden sentirse identificadas a partir das súas propias experiencias familiares ou da memoria colectiva da emigración galega.

Con esta nova edición, o Certame Literario de Vilalba reafirma o seu papel como espazo para apoiar e recoñecer a creación literaria.

Un pregón dedicado á Banda de Música de Vilalba

A segunda parte da gala tivo como protagonista a Daniel Veiga, director da Banda de Música de Vilalba, encargado de pronunciar o pregón das festas deste ano.

Veiga ofreceu un pregón cargado de emoción, complicidade e recoñecemento ao traballo colectivo que hai detrás da Banda de Música de Vilalba. As súas palabras puxeron o foco nas persoas que forman e formaron parte da asociación e no esforzo necesario para manter viva unha entidade que leva décadas vinculada á vida cultural da vila.

O pregón tamén serviu para reivindicar a importancia da transmisión entre xeracións, tanto no coñecemento musical como nos valores que permiten que a Banda continúe mantendo a súa identidade e a súa presenza na vida de Vilalba.

Desde o Concello destacan o valor de contar cun pregón que recoñece precisamente ese traballo colectivo e que pon no centro ás persoas que, co seu compromiso ao longo dos anos, contribuíron a manter viva a Banda de Música.

Coa celebración desta gala e a lectura do pregón, Vilalba inaugura oficialmente as festas de San Ramón e Santa María, que continuarán durante os vindeiros días cunha programación que combina tradición, cultura, deporte, música e propostas para todos os públicos.