VILALBA MELLORA 15 QUILÓMETROS DE PISTAS NO RURAL GRAZAS AO ACORDO DA ALCALDESA, MARTA ROUCO, COA DEPUTACIÓN DE LUGO

As actuacións, valoradas en máis de 400.000 euros, foron posibles grazas á mobilización de dous equipos móbiles da Deputación, aforrando ao Concello a contratación externa destes traballos

A alcaldesa, Marta Rouco, fixo balance das actuacións de mellora da rede viaria municipal que permitiron rexenerar preto de 15 quilómetros de pistas do rural grazas ao acordo de colaboración alcanzado co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Desde o pasado mes de maio, o Concello contou con dous equipos móbiles da Deputación de Lugo: un encargado da rexeneración do firme, que executou os traballos nas pistas máis deterioradas, e outro adicado á apertura e limpeza de cunetas, unha intervención fundamental para garantir a durabilidade das obras e previr problemas no mantemento da rede viaria durante os meses de inverno.

“A colaboración coa Deputación foi fundamental para sacar adiante estas melloras nun prazo razoable e sen custo directo para as arcas municipais. Se o Concello tivera que asumir estes traballos a través dunha empresa privada, o investimento necesario superaría os 400.000 euros”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Actuouse sobre unha quincena de pistas de titularidade municipal situadas en distintas parroquias do rural, que se atopaban en mal estado e que son empregadas diariamente polos veciños e veciñas. Estas obras reforzan o compromiso do goberno local coa seguridade viaria, a igualdade territorial e a atención ao rural.

“Vilalba conta cunha das redes viarias municipais máis extensas da provincia, polo que sumar recursos e colaboración institucional é esencial para atender as necesidades do rural. Este tipo de acordos permítennos avanzar máis rápido e con maior eficiencia”, engadiu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

O goberno local sinala que continuará solicitando apoio doutras administracións para ampliar estas actuacións a novas parroquias, priorizando os tramos con máis tránsito ou en peor estado, e sempre baixo criterios técnicos e de impacto social.