VILALBA PRESENTA A DANIEL VEIGA COMO PREGOEIRO E A ANTÓN LUIS GUNTÍN COMO AUTOR DO CARTEL DAS FESTAS DE SAN RAMÓN E SANTA MARÍA 2026

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, deron a coñecer dúas figuras vencelladas ao talento local que protagonizarán o inicio e a imaxe das patronais deste ano.

O Concello de Vilalba presentou hoxe ao pregoeiro e ao autor do cartel oficial das festas de San Ramón e Santa María 2026, dous nomes que representan o talento, a creatividade e o forte vínculo coa vila e que terán un papel protagonista nas patronais deste ano.

A presentación estivo encabezada pola alcaldesa, Marta Rouco, e pola concelleira de Cultura, Mónica González, que destacaron a aposta do Concello por recoñecer a persoas de Vilalba que, desde ámbitos diferentes, levan anos contribuíndo a proxectar o nome do municipio.

O pregoeiro das festas será Daniel Veiga Roca, músico vilalbés cunha destacada traxectoria profesional que comezou precisamente na Banda de Música de Vilalba, onde iniciou a súa formación sendo un neno. Tras completar estudos en distintos conservatorios e centros superiores e colaborar con formacións orquestrais de referencia tanto nacionais como internacionais, actualmente é clarinete solista da Orquesta Sinfónica Ciudad de Zaragoza, colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia, profesor do Conservatorio Profesional e da Escola de Música de Vilalba e director da Banda de Música de Vilalba.

Pola súa banda, o cartel oficial das festas leva a sinatura de Antón Luis Guntín Vázquez, artista vilalbés que desenvolveu a súa formación en Artes Plásticas e que desde moi novo destacou pola súa capacidade creativa, acadando diversos recoñecementos. Na actualidade compaxina a súa actividade profesional na área da saúde mental coa creación artística, ámbito no que continúa desenvolvendo unha traxectoria persoal consolidada.

Durante a presentación, a alcaldesa destacou que “as festas tamén son unha oportunidade para recoñecer ás persoas que representan o mellor de Vilalba. Dani Veiga e Antón Luis Guntín son dous exemplos de talento, traballo e compromiso coa súa terra, e era de xustiza que este ano ocupasen un lugar protagonista nas nosas patronais”.

Rouco engadiu que “as nosas festas non só se constrúen arredor dunha programación musical ou cultural, senón tamén arredor das persoas que lle dan identidade. Contar cun pregoeiro e cun autor do cartel profundamente vinculados a Vilalba reforza ese sentimento de pertenza e fai que as festas tamén falen de quen somos”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Mónica González, sinalou que “detrás destas eleccións hai tamén unha vontade clara de seguir poñendo en valor o talento que temos na nosa vila. Tanto a música como a creación artística forman parte da identidade cultural de Vilalba e queriamos que esta edición das festas reflectise precisamente esa riqueza”.

Coa presentación do pregoeiro e do cartel oficial complétase a programación principal das festas de San Ramón e Santa María 2026, despois de que o Concello dese a coñecer nos últimos días o groso da programación musical. Nas próximas semanas estará rematado o libro oficial das festas, que incluirá o conxunto de actividades culturais, deportivas, infantís e tradicionais que completarán as patronais deste ano.