– As sesións vermú ampliaranse ata as tres horas na Praza da Constitución e as verbenas concentraranse no Campo da Feira para optimizar a loxística e reforzar o desfrute das patronais
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron hoxe o groso da programación musical das festas de San Ramón e Santa María 2026, que se celebrarán entre o 26 de agosto e o 6 de setembro.
A presentación serviu para dar a coñecer as principais actuacións musicais das xornadas centrais das patronais, aínda que o programa continuará completándose nas vindeiras semanas con outras propostas culturais, deportivas, infantís e de dinamización que se recollerán no libro oficial das festas, no que xa se está traballando.
Entre esas actividades pendentes de presentar atópanse citas xa tradicionais como o venres da xira ou a programación específica dirixida ao público infantil.
UN NOVO FORMATO PARA UNHAS FESTAS MÁIS CÓMODAS E MELLOR ORGANIZADAS
Unha das principais novidades desta edición será a reorganización dos espazos festivos.
Así, as sesións vermú celebraranse na Praza da Constitución cun formato ampliado de tres horas de duración, mentres que todas as verbenas pasarán a desenvolverse no Campo da Feira.
Segundo explicou o goberno municipal, esta decisión responde á necesidade de mellorar a loxística das festas e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nunha edición na que os días principais da programación se concentran de forma continuada e na que participarán formacións de gran formato.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que “este cambio non responde só a unha cuestión organizativa, senón tamén a unha forma diferente de vivir as festas que vimos observando nos últimos anos”.
Rouco sinalou que “as sesións vermú gañaron protagonismo e cada vez son máis as persoas que aproveitan ese espazo para compartir e desfrutar da vila, polo que ampliámolas ao mesmo tempo que melloramos a montaxe das actuacións da noite”.
UN PROGRAMA VARIADO PARA DIFERENTES PÚBLICOS
O programa musical deste ano aposta por unha oferta diversa, combinando orquestras, grupos e concertos pensados para públicos e estilos diferentes.
A programación presentada hoxe inclúe:
A concelleira de Cultura, Mónica González, destacou que “o traballo de preparación das festas comeza practicamente cando remata a edición anterior e require coordinar moitos detalles para construír unha programación equilibrada”.
González explicou que “intentouse configurar unha proposta variada, dinámica e pensada para que cada persoa atope o seu espazo dentro das festas, independentemente dos seus gustos ou da idade”.
UNHAS FESTAS QUE SON MOITO MÁIS QUE UN CARTEL
Desde o Concello lembraron que as festas de San Ramón e Santa María son tamén un momento de encontro para a veciñanza e para todas aquelas persoas que regresan a Vilalba nestas datas.
A alcaldesa concluíu destacando que “as patronais forman parte da identidade da nosa vila e queremos que sigan sendo un espazo para compartir, reencontrarnos e desfrutar xuntos de Vilalba”.
Tras esta presentación, quedará pendente unha segunda cita na que se dará a coñecer o cartel oficial das festas, o seu autor ou autora e a persoa encargada do pregón desta edición.
