VILALBA RENOVA O SEU PARQUE MÓBIL MUNICIPAL COA INCORPORACIÓN DE DOUS NOVOS VEHÍCULOS HÍBRIDOS

Os dous MG ZS Hybrid+ Comfort, financiados a través do Fondo de Compensación Ambiental, permitirán substituír o único turismo municipal do que se dispoñía actualmente

O Concello de Vilalba incorporou hoxe ao seu parque móbil municipal dous novos vehículos híbridos con distintivo ambiental ECO, destinados aos desprazamentos do persoal municipal e ás necesidades derivadas do funcionamento diario dos diferentes servizos do Concello.

Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, cun sistema híbrido autorrecargable que permite reducir o consumo e as emisións no uso habitual.

A adquisición supón un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, e foi financiada a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.

UNHA RENOVACIÓN NECESARIA PARA O FUNCIONAMENTO DIARIO

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que a incorporación destes vehículos responde en primeiro lugar a unha necesidade real do Concello, xa que ata o momento se contaba cun único turismo municipal para atender unha parte importante dos desprazamentos.

“Necesitabamos renovar o parque móbil porque a situación que tiñamos xa non era axeitada. Contabamos cun único turismo para moitos dos desprazamentos municipais e era un vehículo que acumulaba múltiples incidencias e reparacións. Non podiamos seguir dependendo dun vehículo nesas condicións para atender o día a día do Concello”.

Os novos vehículos estarán á disposición do persoal municipal para diferentes necesidades, desde os desprazamentos dos servizos sociais ata reunións, xestións e outras tarefas vinculadas ao funcionamento ordinario do Concello.

“Estes vehículos non teñen un único destino. Van estar ao servizo do Concello e do persoal municipal para todas esas tarefas que forman parte do día a día. Por exemplo, cando unha traballadora social ten que desprazarse ao domicilio dunha persoa”.

A alcaldesa sinalou que a renovación dos turismos municipais permite tamén reducir os gastos derivados das avarías e do mantemento dos vehículos antigos, ao tempo que se incorporan medios máis eficientes.

“Estamos falando de algo tan básico como ter os medios necesarios para que os servizos municipais poidan funcionar con normalidade. E facelo, ademais, incorporando vehículos máis eficientes e con menor impacto ambiental”.

UNHA RENOVACIÓN PROGRESIVA DO PARQUE MÓBIL

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Fernández, subliñou que a incorporación destes dous vehículos forma parte dunha estratexia máis ampla de renovación do parque móbil municipal.

“Non estamos ante unha compra illada. Estamos facendo unha renovación progresiva do parque móbil, substituíndo vehículos que estaban xa obsoletos e incorporando, sempre que as necesidades e as posibilidades o permiten, alternativas máis eficientes”.

A esta adquisición súmanse outras realizadas recentemente polo Concello, como un vehículo multifunción 100% eléctrico e un vehículo patrulleiro híbrido con distintivo ECO.

Ademais, o Concello mantén aberto o proceso de licitación para a incorporación de dúas novas furgonetas eléctricas, tamén a través do Fondo de Compensación Ambiental.

“Xa demos pasos importantes coa incorporación dun vehículo eléctrico e dun patrulleiro híbrido e agora sumamos estes dous novos vehículos. O seguinte paso serán as dúas furgonetas eléctricas que temos en licitación.”.

Fernández destacou que “estamos dando resposta a unha necesidade que tiñamos hoxe, pero tamén estamos pensando no futuro. Queremos un parque móbil municipal máis moderno, máis eficiente e máis acorde co compromiso do Concello coa protección do medio ambiente”.

O CONCELLO RECLAMA QUE O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL REVERTA MÁIS DIRECTAMENTE NOS MUNICIPIOS

O Goberno municipal aproveitou a incorporación dos vehículos para reclamar tamén á Xunta de Galicia unha revisión do funcionamento do Fondo de Compensación Ambiental, especialmente no que ten que ver co aproveitamento dos aforros que se producen na contratación das actuacións financiadas.

Neste caso, o contrato dos dous vehículos ascende finalmente a 51.848,50 euros, fronte aos 59.900 euros do orzamento base de licitación, o que supón un aforro de 8.051,50 euros respecto do importe inicialmente previsto.

Desde o Concello consideran que estes recursos deberían poder permanecer vinculados ao municipio e destinarse a novas actuacións que redunden directamente en beneficio da veciñanza, especialmente tendo en conta que Vilalba é un dos concellos afectados pola implantación de instalacións eólicas e, polo tanto, beneficiario do Fondo de Compensación Ambiental. 

A alcaldesa, Marta Rouco, considera que o sistema debería permitir aproveitar mellor estes aforros no propio territorio. “Nós facemos o traballo, licitamos, buscamos a mellor oferta e conseguimos que unha actuación que tiña un orzamento de 59.900 euros se execute finalmente por 51.848,50. Son máis de 8.000 euros de diferenza. O que reclamamos é que ese aforro poida seguir quedando en Vilalba e que poidamos empregalo noutra actuación para os vilalbeses e as vilalbesas”, apuntou.

Rouco engadiu que “o Fondo de Compensación Ambiental existe precisamente porque hai concellos que soportan no seu territorio instalacións de produción de enerxía eólica. Entendemos que os recursos que corresponden a eses municipios deben ter o maior retorno posible no propio territorio e traducirse en máis investimentos e máis servizos para a veciñanza”.