“VINTALBA”, O MERCADO DE SEGUNDA MAN DE VILALBA, VOLVE Á PRAZA DE SANTA MARÍA COA SÚA EDICIÓN DE OUTONO-INVERNO

–  O Concello abre ata o 4 de novembro o prazo de inscrición para participar na quinta edición desta iniciativa, unha das propostas máis demandadas do programa de dinamización dos domingos de feira.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron hoxe unha nova edición de Vintalba, o mercado de segunda man de Vilalba, que se celebrará o vindeiro domingo, 8 de novembro, na Praza de Santa María, en horario de 10:00 a 15:00 horas.

Con esta convocatoria, o Concello acada a quinta edición dunha iniciativa que forma parte do programa de dinamización da Praza de Santa María durante os domingos de feira e que se converteu nunha das propostas favoritas tanto da veciñanza como das persoas que visitan Vilalba.

O interese que esperta Vintalba queda reflectido nas múltiples consultas que recibe o Concello ao longo do ano sobre a celebración de novas edicións. 

Despois da última convocatoria, celebrada en xuño dentro da tempada de primavera-verán, o mercado regresa agora coa edición de outono-inverno, ofrecendo unha nova oportunidade para dar unha segunda vida a todo tipo de artigos.

INSCRICIÓNS ABERTAS ATA O 4 DE NOVEMBRO

As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude desde hoxe, 26 de outubro, ata o mércores 4 de novembro, ambos os días incluídos. Para inscribirse, deberán cubrir o anexo incluído nas bases do mercado, dispoñibles na páxina web municipal, www.vilalba.gal/novas, e envialo ao correo electrónico feiras@vilalba.es.

Poderán participar particulares maiores de idade e asociacións sen ánimo de lucro que presenten a súa solicitude dentro do prazo e conten coa aceptación da organización. 

Será obrigatorio que cada vendedor dispoña dun mínimo de 25 artigos, todos eles de segunda man. Poderanse poñer á venda produtos como electrodomésticos, mobles, roupa, calzado, accesorios, xoguetes ou libros, entre outros.

Terán prioridade as persoas empadroadas en Vilalba.

As persoas participantes cuxa solicitude sexa aceptada deberán presentarse o domingo 8 de novembro na Praza de Santa María entre as 9:00 e as 9:30 horas para preparar o seu posto. O Concello facilitará o expositor, que deberá permanecer supervisado en todo momento por, cando menos, unha persoa maior de idade.

Para resolver dúbidas ou solicitar máis información, as persoas interesadas poden escribir a feiras@vilalba.es.

Con esta nova edición, o Concello continúa apostando pola dinamización da Praza de Santa María os domingos de feira, promovendo espazos de encontro e iniciativas que favorecen a reutilización de produtos e a participación da veciñanza na vida comercial e social de Vilalba.