O CONCELLO PON EN MARCHA UN MERCADO DE NADAL OS DÍAS 6 E 7 DE DECEMBRO NA PRAZA DE SANTA MARÍA

As persoas interesadas en instalar un posto poden presentar a súa solicitude ata o 1 de decembro; o mercado estará dirixido á venda de produtos de Nadal, artesanía ou artigos de agasallo, entre outros.

O Concello de Vilalba, a través da Alcaldía e da Concellería de Feiras e Mercados, vén de anunciar a celebración do seu primeiro Mercado de Nadal, que terá lugar a primeira fin de semana de decembro, os días 6 e 7. 

Un evento dirixido a profesionais da venda de produtos de Nadal, artesanía, artigos de agasallo e outras propostas propias destas datas festivas.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “este mercado nace coa vontade de crear un espazo atractivo e dinámico no centro da vila, apoiando ao comercio e ofrecendo unha nova actividade para veciños, veciñas e visitantes”. Engadiu ademais que “supón un paso máis na dinamización da Praza de Santa María, un compromiso adquirido este ano pola Alcaldía e a Concellería de Feiras e Mercados”.

Dende hoxe, as persoas interesadas en dispoñer dun posto poden presentar a súa solicitude cubrindo o modelo normalizado e entregándoo no Rexistro Xeral do Concello ou enviándoo por correo electrónico a feiras@vilalba.es, acompañando a documentación complementaria requirida. O prazo remata o 1 de decembro, e tanto as bases como a información necesaria están dispoñibles en www.vilalba.gal/novas.

O Mercado de Nadal, que coincidirá co domingo de feira do mes de decembro, forma parte tamén da programación de Nadal impulsada pola Concellería de Infancia e Xuventude, converténdose así nun novo punto de encontro e actividade para todas as idades.

O horario de apertura dos postos será o sábado, 6 de decembro, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 e o domingo, 7 de decembro, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30.

Coa celebración deste primeiro Mercado de Nadal, o Concello continúa ampliando a súa oferta de actividades e apostando pola promoción económica e social da vila.