O Vicealcalde Modesto Renda presentou hoxe unha das medidas máis importantes do que vai de mandato para o rural. Trátase dun moi ambicioso proxecto de agrupamento de terras de uso agrario que subvencionará o 100% dos gastos notariais e rexistrais dos veciños e gandeiros/as que desexen permutar.
“Diante da total parálise da Xunta para coas concentracións parcelarias de Román, Goiriz ou Lanzós, non perderemos nin un minuto na crítica e actuamos de xeito decidido e asumindo competencias impropias en beneficio do noso sector agrogandeiro e por un futuro no rural para os nosos fillos e as nosas fillas”, declarou ao inicio da súa comparecencia.
Porque a iniciativa que se anunciou ten como obxectivo combater a dispersión e o minifundio e favorecer a creación de leiras de grande tamaño que melloren a rendibilidade das explotacións agrarias de Vilalba.
A proposta é pioneira na comarca da Terra Chá, máis tamén en Galicia en termos de financiación, pois tal e como resaltou o Vicealcalde “Friol puxo en marcha hai anos un proxecto similar; pero fíxoo con financiamento da Xunta, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e financiando só unha parte dos gastos notarias das permutas voluntarias”.
O Concello de Vilalba faráo con financiamento 100% municipal e subvencionando integramente tamén os gastos notariais e rexistrais dos veciños e veciñas que desexen permutar.
CARACTERÍSTICAS DA INICIATIVA
Tal e como explicou Renda, o Marco legal que ampara ao Concello “é claro”, pois estas axudas executaranse baixo a protección da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
O Vicealcalde apuntou á “liberdade absoluta” dos interesados, pois os intercambios que favoreceremos e subvencionaremos deben ser “necesariamente consensuados, bilaterais e mutuos entre os propios donos dos predios.”
Renda puxo enriba da mesa, tamén, os datos en termos de aforro de custos, en tanto que o Concello non só subvencionará á totalidade dos gastos de notaría e inmatriculación no rexistro da propiedade, se non que o propio agrupamento dará pé á creación de extensións cómodas para traballar, o que evitará a perda de tempo xestionando leiras minúsculas e distantes entre si e a consecuente optimización de maquinaria, reducíndose os desprazamentos e as custosas tarifas por hora das empresas de servizos agrícolas.
Por último, o Vicealcalde destacou que a medida freará o abandono, pois gandeiros/as locais poderán ter ao seu dispor terreos de propietarios xubilados e/ou de donos que residen fóra de Vilalba.
PRAZOS PARA PRESENTAR SOLICITUDES
Os/as veciños participantes terán un prazo de 3 MESES, a contar dende a publicación no BOP do pasado 27 de Agosto.
INICIO E DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
As solicitudes deberán presentarse en “MODELO NORMALIZADO” que o Concello facilita a través da Sede Electrónica: https://vilalba.sedelectronica.es/info.0 e este deberá acompañarse de:
(1) Fotocopia do DNI/CIF.
(2) Memoria explicativa da concentración e, se fose necesaria, resolución pola que se
concede o correspondente título habilitante municipal previo;
(3) Escritura pública e facturas reais do gasto;
(4) Xustificante bancario acreditativo do pagamento das facturas aportadas;
(5) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas para o mesmo fin;
(6) Certificacións de estar ao corrente coas obrigas tributarias ante a Facenda pública estatal e autonómica, e a seguridade social.
Consulta aquí as bases reguladoras: