O CONCELLO ABRE O PRAZO DE PROPOSTAS PARA CONCEDER OS PREMIOS DA V GALA DO DEPORTE MUNICIPAL O PRÓXIMO 28 DE XANEIRO

O Concello de Vilalba convoca a V Gala do Deporte Municipal, que se celebrará o vindeiro 28 de xaneiro de 2023 no Auditorio Carme Estévez de Vilalba a partir das 20:00. O acto busca premiar a deportistas, técnicos/as, entidades deportivas e figuras importantes no labor de fomento do deporte e da actividade física en Vilalba entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 1 de decembro de 2022.

O xurado decidirá a concesión destes premios a partir das propostas dos clubs, institucións, asociacións e outras entidades, así como da propia veciñanza. Será posible propoñer a deportistas, directivos/as, técnicos/as e colaboradores/as no prazo de 10 días hábiles dende a publicación das bases da gala.

As candidaturas buscarán premiar a traxectoria deportiva, o labor directivo ou de apoio ao deporte en xeral. Estes méritos deberán estar debidamente xustificados e as persoas ou entidades deberán ter algún vínculo con Vilalba, de acordo coas bases da gala.

As propostas de candidatura presentaranse cumprimentando a documentación recollida nas bases da gala. Estes documentos entregaranse na sede electrónica do Concello de Vilalba ou presencialmente no rexistro xeral. As candidaturas deberán acompañarse do maior número de datos posibles dos logros acadados na tempada 2021/2022, coa correspondente xustificación.

Os membros do xurado da gala avaliarán as diferentes candidaturas presentadas e acordarán a persoa ou entidade gañadora de cada categoría, que recibirá un detalle conmemorativo de Vilalba no acto do vindeiro 28 de xaneiro. As candidaturas poderán propoñerse nas seguintes categorías:

  • Mellor deportista vilalbés/a 21/22.
  • Mellor equipo vilalbés/a 21/22.
  • Mellor deportista promesa vilalbés/a 21/22 (menor de 16 anos).
  • Mellor club ou entidade deportiva 21/22.
  • Mellor adestrador/a ou técnico/a deportivo 21/22.
  • Mellor club no labor no deporte base 21/22.
  • Mellor labor informativa/comunicativa 21/22.
  • Mellor traxectoria deportiva 21/22.
  • Mellor evento/actividade deportiva 21/22.
  • Mellor equipo/deportista con discapacidade 21/22.
  • Mención especial, neste caso será a Comisión Técnica a que conceda un máximo de 3 premios nesta categoría.