– O programa contará con 60 prazas en tres centros educativos e forma parte da aposta do goberno local por reforzar os recursos municipais de apoio ás familias
O Concello de Vilalba abrirá dende mañá, 8 de setembro, ata o 21 de setembro, o prazo de presentación de solicitudes para o servizo municipal Concilia na Tarde, correspondente ao curso 2026/2027.
O servizo contará cun total de 60 prazas, distribuídas entre os tres centros nos que se oferta: 20 no CEIP Mato Vizoso, 20 no CEIP Ínsua Bermúdez e 20 na Escola de Educación Infantil de Vilalba. Para a posta en funcionamento do servizo será necesario un mínimo de 5 solicitudes en cada centro.
O Concilia na Tarde funcionará de 15:30 a 17:30 horas e poderá utilizarse tanto na modalidade fixa como ocasional. As persoas usuarias fixas poderán escoller unha frecuencia de utilización de entre 1 e 5 días á semana, mentres que as usuarias ocasionais poderán facer uso do servizo en días soltos sempre que existan prazas dispoñibles.
Unha aposta municipal polo apoio ás familias
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salienta que o Concilia na Tarde “é moito máis ca un servizo de atención ás nenas e aos nenos durante unhas horas: é unha ferramenta que axuda ás familias a organizar o seu día a día e a compatibilizar as súas responsabilidades laborais e familiares”.
Neste sentido, a rexedora destaca que a conciliación é unha das grandes apostas do goberno local, a través da posta en marcha e consolidación de diferentes recursos destinados ás familias.
“Desde o Concello queremos que as familias de Vilalba conten con recursos públicos que lles faciliten a vida. Sabemos que os horarios laborais e as responsabilidades familiares non sempre encaixan e, por iso, consideramos fundamental que desde a Administración local fagamos a nosa parte e poñamos ferramentas á súa disposición”, sinala Rouco.
A alcaldesa engade que “apoiar ás familias é tamén apostar polo futuro de Vilalba”, polo que o goberno local continuará traballando para manter e reforzar os servizos de conciliación e atención á infancia.
“Queremos un Concello que estea ao lado das familias non só cando teñen unha necesidade puntual, senón tamén no seu día a día, facilitando recursos que lles permitan traballar, coidar e organizar a súa vida con maior tranquilidade”, conclúe.
Presentación das solicitudes
As solicitudes deberán realizarse mediante o impreso de matrícula, que terá que presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba ou a través da sede electrónica, acompañado da documentación requirida.
Entre os documentos que deberán achegarse figuran a identificación da persoa titular da conta, o libro de familia ou documentación equivalente, a tarxeta sanitaria do menor, a documentación acreditativa da situación laboral ou de ocupación dos proxenitores ou titores, a declaración do IRPF ou a autorización para a consulta dos datos tributarios, o certificado bancario e, cando corresponda, a documentación acreditativa das circunstancias familiares ou de saúde contempladas nas bases.
O prazo permanecerá aberto do 8 ao 21 de setembro.
O servizo comezará a funcionar o 1 de outubro e, no caso das persoas usuarias ocasionais, será necesario solicitar o uso do servizo ao coordinador ou coordinadora por correo electrónico antes das 9:30 horas do día anterior.
Con esta nova convocatoria, o Concello de Vilalba continúa reforzando a súa rede de servizos públicos de conciliación, entendidos como un recurso necesario para responder ás necesidades das familias e favorecer a compatibilidade entre a vida familiar, persoal e laboral.